Saturday 18 de May de 2024

Mostra de Teatro de Ribeira 2023


A concelleira de Cultura, Antía Alberte, presentou hoxe unha nova edición da Mostra de Teatro de Ribeira. “O principal obxectivo desta programación é o de achegar aos nosos veciños e veciñas unha completa escolma de espectáculos que poñen en valor as creacións artísticas das compañías e grupos galegos e que ao mesmo tempo sexa un escaparate das propostas máis recentes de cada unha delas,
facendo accesible as artes escénicas á poboación sen necesidade de ter que trasladarse ás grandes capitais.” explicou.

As funcións están recomendadas para maiores de 16 anos e os espectáculos seleccionados son obras de compañías profesionais de recoñecido prestixio como Sarabela Teatro, Excéntricas, A Panadaría e Malasombra producións; e actores e actrices cunha traxectoria destacada como Luis Iglesia, Camila Bossa, Manuel Manquiña, Victor Mosqueira, Marcos Orsi, Areta Bolado entre outras e outros. O cartaz atende a tódolos xéneros, e a edición terá un broche de ouro especial, pois o peche da mostra correrá a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira co espectáculo “Criaturas”.

Poderase adquirir un BONO por importe de 25 € que dará dereito a asistir a todas as funcións da mostra a excepción da obra do Grupo Municipal de Teatro, pois esta última será aberta a toda a cidadanía con carácter gratuíto. Nas próximas semanas informarase do procedemento para poder asistir a esta representación así como dos detalles deste espectáculo.

Os bonos poderanse adquirir dende o vindeiro luns día 18 de setembro na Casa do Concello de luns a venres de 9:30 a 14:00 h. Cada semana poranse á venda as entradas individuais para cada un dos espectáculos por un prezo de 4€.